A seguridade factor primordial no Festival Xacobeo 2010

O director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos Cidrás, informou hoxe nunha comparecencia ante os medios de comunicación, de diversas cuestións relativas ao festival Xacobeo 10, que o venres 27 de agosto terá lugar no Monte do Gozo, como a forma de acceso do público, o dispositivo de seguridade e os traballos realizados no recinto. Entre as seis da tarde e as catro da mañá subirán ao escenario do Monte do Gozo, que se comezou a montar o pasado domingo, Jónsi, Muse, Pet Shop Boys, xunto cos galegos The Right Ons e os dj Vitalic, Caradeniño e Poti.

Ignacio Santos explicou o sistema de acceso ao que será unha das citas musicais do verán. No Monte do Gozo reuniranse 25.000 persoas, aforo estipulado pola organización que, como explicou Santos, “baseouse estritamente en criterios de seguridade e comodidade do público asistente, a nosa principal prioridade”.

Para o festival deste venres, habilitaranse catro portas de acceso (tres pola rúa das Estrelas e unha pola zona de ponte de San Lázaro a través da rúa do Gozo) ao recinto do Monte do Gozo e tres de entrada ao auditorio, cada unha delas cun mínimo de oito carrís de entrada. O director xerente destacou que se espera que o 80% das persoas accedan polos accesos habilitados na rúa das Estrelas, e que o outro 20% empregue o acceso pola rúa do Gozo.

O público asistente poderá entrar no Auditorio desde as 18 horas, podendo desde as 17 horas pasar o primeiro control de acceso, e unha vez que saia non se poderá volver a entrar novamente. As entradas validaranse de forma electrónica, un proceso que require máis tempo que a visual, pero que evita as falsificacións das localidades, tal e como sinalou o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo durante a visita.

Ignacio Santos sinalou que os criterios fixados en temas de seguridade son moi estritos porque “unha das nosas prioridades é garantir que todos os que asistan ao noso festival gocen do espectáculo e da música en directo de Jónsi, Muse, Pet Shop Boys, Vitalic e dos galegos The Right Ons, DJ Poti e Caradeniño DJ”.

De feito, un total de 158 persoas, entre efectivos de Policía Nacional (35), Protección Civil (45), Policía Local (38) e Cruz Vermella (40), velarán pola seguridade dos asistentes ao festival Xacobeo 10 no que haberá dúas saídas de emerxencia e dous postos de socorrismo, así como catro ambulancias de forma permanente.

Os traballos da montaxe do escenario para festival Xacobeo 10 comezaron o pasado domingo. Nestas tarefas traballan unhas trinta persoas aproximadamente, ás que hai que engadir outras vinte que realizan traballos de acondicionamento.En total, no espectáculo, que se estenderá entre as seis da tarde e as catro da madrugada, empregaranse 300.000 watios de luz e outros 80.000 watios de son.

A estrutura e materiais necesarios para a montaxe chegaron ao recinto en oito camións o pasado sábado, e o domingo comezaron os traballos para montar o escenario, que mide 32 metros de ancho, 19,5 metros de alto e 18 de fondo. Neste espazo actuarán os grupos e artistas que conforman un dos carteis musicais más ambiciosos deste verán.

Obras de mellora
Por outra banda, o aforo para o festival Xacobeo 10 deste venres é de 25.000 persoas, unha cifra que se decidiu en función de criterios de seguridade e comodidade do público asistente ao festival. Con este fin, leváronse a cabo traballos de mellora e acondicionamento das instalacións do Monte do Gozo e, entre outras tarefas, fíxose un acondicionamento dos accesos e reparouse o valado periférico do recinto e das portas de entrada.

Xunto a estas accións tamén se realizaron obras de mellora en oficinas e camerinos, retirouse o recheo das gradas e limpouse a maleza. O obxectivo destes traballos foi dotar ao Monte do Gozo de todas as medidas necesarias para acoller dous grandes concertos de Xacobeo 2010, como son o festival Xacobeo 10, este venres, e o MTV Galicia 2010, que terá lugar o próximo domingo 5 de setembro.

O transporte público desde Santiago de Compostela será xestionado polo Concello. O servizo comezará ás 16.00 horas desde Rúa Ramón Piñeiro ata Rúa das Estrelas e os autobuses farán percorridos de ida e volta de forma ininterrompida ata o recinto. O prezo fixado polo Concello é de 1 euro por traxecto. O acceso con vehículos será cortado desde a autopista AP-9 (saída Santiago Norte), a rotonda de Porta do Camiño e a rotonda de San Lázaro. No Monte do Gozo non se habilitará ningún aparcamento público. Asemade, no recinto haberá un acceso sinalizado para persoas con algún tipo de discapacidade física ou con mobilidade reducida, así como unha plataforma desde a cal poderán ver os concertos.

Non está permitido o acceso ao festival Xacobeo 10 a menores de 16 anos de idade, polo que, para cumprir esta norma, poderase pedir o DNI nos accesos ao recinto.


CARTEL E HORARIO FESTIVAL XACOBEO 10

18:00 Apertura de portas do Auditorio
18:00 – 19:30 DJ POTI
19:45 – 20:30 THE RIGHT ONS
21:00 – 22:00 JÓNSI
22:30 – 00:00 MUSE
00:00 – 01:00 CARADENIÑO DJ
01:00 – 02:30 PET SHOP BOYS
02:30 – 04:00 DJ VITALIC