A Consellería do Mar abre a campaña extractiva do santiaguiño

A Consellería do Mar abriu a campaña extractiva do santiaguiño. Así, ata o vindeiro 31 de decembro, as embarcacións poderán capturar este crustáceo, sempre e cando teña un tamaño mínimo de 9 centímetros.

A veda do santiaguiño comezou o 1 de xaneiro deste ano. Así, a campaña extractiva do Santiaguiño do ano pasado, unha das especies máis caras do mercado, finalizou con máis de 1.300 quilos vendidos en lonxa, o que supuxo un importe económico superior aos 78.300 euros.

Segundo recolle o Plan de Explotación Marisqueira, para o 2010, consensuado entre a Consellería do Mar e o sector, son varias as especies de crustáceos que permanecen en veda co obxecto de garantir unha explotación sostible das mesmas. As capturas do lumbrigante e da lagosta están prohibidas dende o pasado 31 de agosto, data na que finalizou o período de autorización que se estendeu entre os meses de xullo e agosto. A centola e o boi poderanse extraer a partires do 28 de novembro en determinadas zonas.

Pola súa banda, están abertas as campañas para a extracción de nécora, conguito e patulate, que comezaron o pasado 1 de xullo e se prolongarán ata o 31 de decembro. O cangrexo pódese capturar durante todo o ano.