Galicia rexistrou en agosto un aumento do 7,5 por cento en volume de viaxeiros

O volume de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros de Galicia durante o mes de agosto rexistrou un incremento do 7,5% respecto do mesmo período do ano pasado, tanto no número de viaxeiros como no de pernoitas, segundo fontes oficiais do Instituto Nacional de Estadística (INE). Este incremento sitúase no 1,4% tamén en comparación co dato do último ano Xacobeo. Trátase do sexto mes consecutivo no que se rexistran incrementos interanuais, tendencia que sitúa estes valores nos máis elevados de toda a década na comunidade galega.

En canto ao acumulado do ano, dende xaneiro a agosto, Galicia rexistra tamén unha dinámica positiva no segmento hoteleiro, con incrementos do 11,8% no caso do volume de viaxeiros e do 9,2% no das pernoitas, respecto aos mesmos valores do ano 2009. Por outro lado, os prezos hoteleiros subiron de media en Galicia durante o mes de agosto un 1,3%, circunstancia que contrasta co que acontece a nivel nacional, onde, de media, os prezos caeron un 0,6%.