Máis colaboración para impulsar o termalismo galego

A Consellería de Cultura e Turismo e a Asociación Galega da Propiedade Balnearia (BALNEGAL) asinarán un convenio de colaboración por un valor de 92.438 euros. O obxecto do acordo é o de difundir o termalismo en mercados de proximidade e internacionais, así como o de fomentar a investigación e o coñecemento da hidroterapia termal como remedio médicoterapéutico.

O acordo prevé accións conxuntas orientadas a afondar na vinculación entre turismo e saúde, como é o caso do impulso de medidas realizado para a creación e desenvolvemento da primeira cátedra de Hidroloxía Médica de Galicia e segunda de España, que se imparte actualmente na Universidade de Santiago de Compostela. Dentro deste capítulo prevese a realización de cursos, seminarios, conferencias e demais actividades académicas específicas. Outras actuacións promocionais destacadas do convenio son a participación na feira Aquameeting de Porto (Portugal) e a realización das presentacións e work-shops que terán lugar en León e Madrid. Ademais tamén se realizará a exposición titulada ‘A auga benfeitora. Historia dos balnearios de Galicia 1700-1736’, entendendo estes como fontes de turismo de calidade de ocio e saúde.