Aprobado o plan de competitividade turística Portas de Galicia

O Consello da Xunta vén de autorizar a sinatura do convenio de colaboración que permitirá o desenvolvemento do Plan de Competitividade Turística ‘Portas de Galicia’, valorado en 2,5 millóns de euros. A Consellería de Cultura e Turismo, que impulsou o plan, asinará o acordo de colaboración co Instituto de Turismo de España (Turespaña), a Asociación de Municipios para o Plan de Competitividade Turística das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras e a Asociación de Empresarios de Turismo e Hostelería Portas de Galicia.

Deste plan beneficiaranse os concellos ourensáns de Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Viana do Bolo, Vilardevós e Vilariño de Conso. O montante total distribuirase en catro anualidades.

O desenvolvemento do plan permitirá o aumento da demanda e a internacionalización do turismo en toda esa área da provincia de Ourense, así como o aumento de ingresos e rendibilidade, a desestacionalización do turismo, a consolidación do emprego nos servizos complementarios e a diminución da temporalidade e mellora da calidade no emprego. O plan posibilitará, xa que logo, que estas comarcas, con forte potencial turístico, poñan en valor os múltiples recursos naturais e culturais de que dispoñen.