Galicia promocionarase en varias feiras turísticas nacionais e internacionais

Turgalicia promocionará o turismo galego en seis feiras nacionais e internacionais ao longo dos meses de novembro e decembro, salientando a difusión dos valores do interior da Comunidade e a náutica, nas feiras Intur, Agrotur e os salóns náuticos de Barcelona e París. Turgalicia tamén participará na feira World Travel Market, de Londres, na que promocionará o turismo galego en xeral para o mercado británico.

Ademais, Turgalicia instalará un stand institucional de promoción turística na feira Naturiva, que de celebrará en Madrid entre os días 12 e 14 de novembro para a promoción da natureza, o esquí e a montaña. E o deporte do golf promocionarase na feira Madrid Golf, onde Turgalicia estará como coexpositor coa recentemente creada Asociación de Turismo de Golf de Galicia.