Ribeira Sacra finaliza a vendima superando os 5,6 millóns de kilos de uva

Ribeira Sacra dá por finalizada a vendima 2010 cunha cantidade total de uva recollida de 5.614.092 kilos, dos que algo máis de 4,9 corresponden a uva mencía. A segunda máis abondosa, pero moi lonxe, é a garnacha tintoreira (335.000 kilos). De todos os xeitos, o Consello Regulador non aprobará as cifras oficiais e definitivas ata comezos de 2011.

Por outra banda, o Consello anuncia a celebración de varios cursos interesantes para adegueiros e viticultores. Por un lado, o que celebrará o Evega en Monforte sobre elaboración de tintos de crianza con castes autóctonas galegas. Será o día 25 de outubro. E en novembro, do 9 ao 12, o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural organiza, tamén en Monforte, o curso “Home, auga e paisaxe na Ribeira Sacra”.