A Xunta agarda que a vindeira semana se peche a proposta do Comité de Rutas para 2011

A Xunta trasladou ao Comité de Rutas a necesidade de establecer unha estratexia conxunta para os tres aeroportos galegos no vindeiro ano, no que o Goberno galego aportará tres millóns de euros. Segundo informa a Xunta, a proposta inicial sobre a que se está a traballar de cara a 2011 baséase na configuración de rutas desenvolvidas en 2010 nas tres terminais. Pero terá lugar unha nova reunión na próxima semana e será entón cando se peche a proposta do mapa de rutas que se elevará ao Consello Xeral do Comité, que terá lugar en vindeiras datas.

Entre os aspectos novidosos que trascenderon da reunión da comisión técnica do Comité está a intención do aeroporto de Alvedro de levar os voos de Ryanair. Para iso pon enriba da mesa tres millóns de euros, segundo recolle El Correo Gallego, unha cantidade semellante á da Xunta.

Precisamente, o Concello de A Coruña fai fincapé en que é a única institución que a día de hoxe ten unha proposta económica sobre a mesa para negociar as rutas aéreas coas compañías. A Coruña pide que se negocie de maneira conxunta para acadar que o sistema aeroportuario galego quede equilibrado.