Cultura e Turismo rehabilitará o Pazo de Liñares

O Consello da Xunta aprobou a suscrición dun convenio entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Concello de Lalín para a realización de obras de rehabilitación integral no Pazo de Liñares. A actuación pretende axeitar este edificio, declarado Ben de Interese Cultural, para o seu uso público como equipamento socio-cultural ao tempo que se evita unha perda irreparable para o patrimonio cultural galego.

O Pazo de Liñares é un edificio representativo do Barroco galego. A súa rehabilitación integral precisará un investimento de 3,5 millóns de euros e tamén estará cofinanciada polo Ministerio de Cultura.