Éxito de Saborea Galicia en Madrid

Máis de 160.000 persoas participaron no histórico mercado de San Miguel de Madrid, entre os días 12 e 21 de novembro, na campaña ‘Saborea Galicia’ de promoción dos produtos gastronómicos galegos de calidade, organizada pola Consellería de Cultura e Turismo a través de Turgalicia. Este acontecemento serviu de escaparate para os produtos gastronómicos galegos máis senlleiros de Galicia e posibilitou a súa comercialización entre o público madrileño ao tempo que se difundiron os valores turísticos da Comunidade galega.

Unha proba do interese desta mostra en Madrid foi o incremento da porcentaxe do número de visitantes do mercado entre os días 12 e 21 de novembro en máis dun 20 por cento. Os produtos galegos de calidade tiveron unha grande acollida entre os visitantes, tanto madrileños como turistas nacionais e estranxeiros, de xeito que houbo que repoñer un 30 por cento máis as cantidades previstas para satisfacer a demanda.