Fin de semana de castañas e cogomelos por toda Galicia

Esta fin de semana son varias as citas festivas coa gastronomía máis típica do mes de Santos. Os cogomelos e as castañas toman o protagonismo con exaltacións en diferentes puntos de Galicia. Na provincia de Lugo, Sarria acolle a segunda Festa da Gastronomía, organizada polos concellos de Sarria, Triacastela e Samos. Está adicada aos cogomelos e ás castañas, aínda que tamén haberá concurso de pratos típicos.

Na parroquia de Couso, no concello pontevedrés de A Estrada, a asociación xuvenil A Xesteira programou para este sábado a Festa do Outono, que comezará ás 10.30 horas cunha saída ao campo para recoller setas. Pola tarde haberá un serán no que se poderán degustar castañas asadas, setas, viño novo e queimada.

En O Courel, concretamente en Folgoso, celébrase unha edición máis da Festa da Castaña, unha romaría onde se reúne a xente de todos os pobos da comarca para degustar as castañas asadas nos tambores e cachelas. As castañas son gratuitas para todos os asistentes, e o viño tamén, pero para isto débese adquirir unha xerra de barro (grabada coa edición da festa da castaña correspondente) que pon á venda a organización.

En Riós (Ourense) celébrase a Festa da Castaña e o Cogumelo, na que os asistentes poderán degustar as castañas da última colleita e as setas nacidas nos montes do municipio por un prezo de 10 euros. Entre as actividades alternativas, a segunda edición do Tour da Castaña, con dúas probas ciclistas. Haberá tamén un concurso de pratos típicos elaborados con produtos de temporada.

Na provincia de Pontevedra tamén atopamos esta fin de semana a Festa do Cogumelo de Soutelo de Montes, en Forcarei. Chega á súa duodécima edición e inclúe unha feira de produtos de temporada, alimentos ecolóxicos e artesanía. O prezo do menú de tres pratos –callos con setas, setas con xabarín e setas con arroz- e postre é de seis euros.

En Vilagarcía de Arousa comeza, este domingo, unha nova edición do Outono Micolóxico, organizado pola asociación A Cantarela. Prolongarase ata o vindeiro día 20. Inclúe exposición de setas frescas e de fotografía, charlas divulgativas e a Festa dos Cogomelos, que será o día 14.

No caso de Verín (Ourense), prepárase a terceira edición da denominada 'Carrada do Viño', festa que ensalza a cultura do viño e que contará con pratos de caldos, xamón e cachucha, entre outros.

Na Fonsagrada, o protagonista é o porco celta, cunha exaltación organizada pola Asociación de Criadores de Porco Celta (Asoporcel) e o Concello de A Fonsagrada. Terá lugar o sábado. Os restaurantes da localidade ofrecerán un menú especial co gallo desta festa, baseado nos derivados desta raza autóctona galega. O prato forte será o cocido. O postre, pola súa banda, será elixido por cada un dos restaurantes, se ben terá como ingrediente principal a castaña. O prezo é de 25 euros por persoa.

E mentres, na localidade pontevedresa de Baiona o que celebran é a Festa da Lura, á que se sumaron 36 establecementos. Instalarase, ademais, unha carpa de degustación.