Os concellos critican á Xunta polo fracaso do Comité de Rutas

As cidades de Vigo e A Coruña, especialmente, criticaron á Xunta de Galicia, á que responsabilizan do fracaso do Comité de Rutas. En Vigo, o concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, sinalou que o Goberno galego amosou a súa “total incompetencia” á hora de xestionar os tres aeroportos. O nacionalista criticou que “os únicos que sacan beneficio” desta situación son as liñas aéreas que se “fregan as mans” con Galicia.

Na Coruña tamén son moi críticos coa postura do Goberno galego. O concelleiro de Turismo, Henrique Tello, pide a Núñez Feijóo que releve dos seus cargos aos conselleiros de Cultura e Infraestruturas “por mentir e presentar unha proposta falsa”. A Coruña insiste en que está disposta a aportar un fondo común ao Comité sempre e cando se negocien todos os voos que operan no sistema aeroportuario galego e non só as rutas subvencionadas. O primeiro tenente de alcalde coruñés sostén que o Comité de Rutas foi “un paripé”, xa que a Xunta nunca tivo –di- intención de contar cos concellos e o seu obxectivo era negociar en solitario.

Pola súa banda, o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, desvelou en Correo Televisión que cada pasaxeiro low cost de Peinador custou vinte veces máis que un de Lavacolla. Isto reflicte, segundo o rexedor, unha “diferencia considerable” na rendibilidade das liñas que operan nos diferentes aeroportos. “Santiago é o aeroporto que a máis baixo prezo é quen de garantir un maior número de viaxeiros”, engadiu.

Mentres, segundo recolle La Voz, a Xunta activa un equipo de tres altos cargos para negociar os voos, formado por Carmen Pardo, secretaria xeral para o Turismo; Carmen Pita, xerente de Turgalicia e Miguel Rodríguez, director xeral de Mobilidade. A intención é, segundo detalla o conselleiro Agustín Hernández, “non perder nin un só minuto máis”.