Lugo 10 extraordinario

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, presentou a Memoria de Lugo10 ós patrocinadores do programa conmemorativo do décimo aniversario da declaración da Muralla romana como Patrimonio Mundial pola UNESCO nun acto que se celebrou no salón de plenos do Concello. “trátase de dar contas ós patrocinadores, como faremos coa oposición, do traballo que se fixo neste programa” do que segundo o alcalde “foi un éxito extraordinario”.

López Orozco agradeceu o apoio que lle deron todos os patrocinadores a Lugo 10, tanto empresas como institucións, entre as que mencionou a Deputación provincial á que lle agradeceu a disposición que sempre ten a colaborar co Concello, o Ministerio de Fomento, ou a ONCE que, ademais de colaborar no programa de actos, editou en braille a Memoria de Lugo10 para facela accesible ás persoas invidentes.

Para o Alcalde, todo o esforzo feito “mereceu a pena como o demostra que, segundo datos do INE, a nosa foi a cidade de Galicia que rexistrou maior aumento no número de visitantes” e sinalou que ese aumento debeuse ó Xacobeo, pero non só a el, xa que “tamén houbo Xacobeo na Coruña ou nas Rías Baixas pero foi na nosa cidade onde máis medraron os visitantes cun 18,9%, segundo os datos do INE”. Ademais salientou López Orozco que o aumento de turistas “foi continuado desde a declaración da Muralla como Patrimonio Mundial”.