Premio Gourmand para Xavier Castro

O libro “A rosa do viño”, do profesor da USC Xavier Castro vén de ser recoñecido co premio Gourmand World Cookbook Awards 2010, na categoría Best Wine History Book. O libro, publicado pola editorial Galaxia, obtivera xa antes o Premio Deza Investigación, concedido por los concellos da Comarca do Deza.

“A rosa do viño” constitúe un achegamento á historia cultural do viño en Galicia, e artéllase como un traballo de investigación histórica que emprega fontes primarias, en boa parte inéditas, e percorre tamén a bibliografía primordial. Pretende, deste xeito, aterse ao rigor histórico pero procura asemade relatar unha faceta relevante da experiencia colectiva dos galegos dun modo que sexa interesante á par que resulte tamén de grata lectura.

O autor, Xavier Castro, é un historiador e ensaísta, autor dunha ampla obra historiográfica na que aborda temas como o galeguismo, a emigración, a vida cotiá, e a historia da alimentación e a bebida.