Turgalicia amplía as funcións do seu Contact Center

Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, da Consellería de Cultura e Turismo, vén de ampliar as funcións do seu Contact center (servizo de información e consultas turísticas), de xeito que na actualidade é a primeira Comunidade autónoma que conta cunha canle de social media a través deste servizo.
Así, os axentes que atenden o Contact center do Turismo galego amplían as súas funcións e, ademais dos labores clásicos de información e xestión, téñense convertido en comunity managers para atender a demanda cada vez máis crecente de usuarios de internet no ámbito das redes sociais, blogs e outros formatos.
Con esta reorganización do servizo, cóbrense todas as necesidades no ámbito da información turística de Galicia.

Ata o de agora, o Contact center do Turismo de Galicia prestaba un servizo reactivo, a través do teléfono, o fax ou o correo electrónico para atender as consultas dos usuarios turistas, de xeito que se limitaba a satisfacer as necesidades de información que chegaban por medio destas vías. Coa nova estrutura, o servizo de información turística de Galicia desenvolve o seu traballo de xeito proactivo. É dicir, recóllense todos os comentarios sobre os conceptos turísticos galegos, e, a partir de aí, os sete axentes do Contact center interactúan achegando a información solicitada.
Con esta nova estrutura, a productividade do Contact center de Turgalicia incrementouse nun 50 por cento a finais do mes de novembro.