Ecos do Camiño

Finalizado o programa “Fai o Camiño Connosco”, a Concellaría de Participación Cidadá de Santiago pretende rescatar nunha exposición algúns dos momentos singulares nos que a cidadanía tivo a oportunidade de participar activamente grazas a esta iniciativa. Das 2.500 fotos recibidas, o espectador poderá transitar por unha escolma de 285 imaxes, nun percorrido que amosa diversas olladas persoais, divertidas, curiosas e significativas das diferentes rutas.

Máis alá da calidade técnica das imaxes, nos diferentes paneis o espectador atoparase con instantáneas que reflicten a beleza da paisaxe, momentos de soidade reflexiva, ou a ledicia e complicidade nos xantares de grupo, logo da superación persoal e o esforzo compartido nun espazo de convivencia.

A mostra pódese visitar na Casa das Asociacións ata o vindeiro 25 de febreiro.