Novo recoñecemento para Xavier Castro

A primeira historia da alimentación en Galicia, o libro de Xavier Castro «A mesa e manteis. Historia da alimentación en Galicia» que recentemente publicou Biblos Clube de Lectores na súa colección Mandaio, vén de merecer a atención dos xurados do pretixioso premio Gourmand Best in the World, que o consideran o mellor libro escrito en galego sobre a materia e que, como tal, participará na fase final do galardón que se fallará a comezos de marzo en París.

A obra de Xavier Castro representará a Galicia na categoría de mellor libro de historia gastronómica (Best Culinary History Book) cos gañadores en outras linguas.

Con “A mesa e manteis. Historia da alimentación en Galicia”, Castro achéganos un variado mosaico da varia xente, como gustaría de dicir Álvaro Cunqueiro, que tivo que traballar arreo e manterse co que había para sobrevivir, pois a pantasma da fame –que en Galicia, dicíase, “entra nadando”- pairaba constantemente sobre as súas inseguras existencias. Préstase particular atención á situación da muller, discriminada tamén neste eido, que tivo que cociñar en lareiras e cociñas de ferro, facendo da necesidade virtude, para que toda a familia se dese por mantida cunhas poucas verzas, unto, touciño e papas de millo. Aténdese ademais á alimentación da infancia, de cregos e abades, de fidalgos e campesiños, e aínda tamén do mundo popular das urbes galegas.