Santi Domínguez di que a Xunta debe usar a arma dos tres aeroportos para competir co Sá Carneiro

O tenente de alcalde de Vigo, Santi Domínguez, dixo estar de acordo con algunhas das afirmacións realizadas polo director do aeroporto Sá Carneiro, en tanto que é “lexítimo que trate de captar pasaxeiros en Galiza”. Porén, o nacionalista destacou que Vigo non debe competir directamente co Sá Carneiro, senón que a Xunta debe utilizar “a arma” de que Galicia conte con tres aeoportos para planificar a competencia co aeroporto da cidade lusa.

Segundo aclarou o tenente de alcalde, a planificación do aeroporto de Peinador non debe establecerse como unha competencia directa con Porto, posto que o Sá Carneiro é o segundo aeroporto de Portugal tras Lisboa, e non sería lóxico equiparar o aeródromo de Vigo cos de Madrid ou Barcelona.

Pola contra, para Santi Domínguez Vigo ten que manter o seu rumbo e o seu traballo de xeito paralelo aos outros dous aeroportos galegos e “buscando a complementariedade entre os tres”. O nacionalista afirmou que só mediante a planificación e a coordinación “podemos competir con Porto”, algo que ao seu xuízo a Xunta “debe utilizar”.