O Pazo de Meirás abrirase ao público catro días ao mes

O Pazo de Meirás abrirase ao público catro días ao mes e de xeito gratuíto desde o vindeiro 25 de marzo, tal e como establece o convenio asinado entre a Consellería de Cultura e Turismo e os propietarios deste Ben de Interese Cultural o pasado 24 de febreiro. O Pazo de Meirás abrirá os venres en horario de 11 a 14 horas pola mañá e de 15 a 18 horas pola tarde.

Haberá visitas guiadas gratuítas, en galego ou en castelán, para grupos de 15 persoas, cunha duración aproximada dunha hora. Os visitantes deberán pasar un control de seguridade á entrada e poderán completar o percorrido que se estableceu tendo en conta a súa declaración como Ben de Interese Cultural e respectando a intimidade das estancias de uso privado sen interese artístico ou histórico.