Os ingleses conquistan Vilagarcía

A programación do Entroido péchase en Vilagarcía coa celebración do Sábado Inglés, o peculiar concurso de disfraces de temática británica organizado pola Concellería de Promoción Económica e Innovación en colaboración coas asociacións de hostalería (Ahituvi) e de comerciantes (Zona Aberta). A organización repartirá 3.100 euros en premios e unha viaxe dun weekend para dúas persoas a Londres.

O requisito principal para participar no concurso é que os disfraces garden relación con calquera temática de orixe británica. A partir de aí, valorarase a orixinalidade, o deseño, e tamén a animación que os concursantes realicen nos establecementos hostaleiros polos que deberán pasar para poderen ser avaliados polo xurado.

As persoas interesadas en participar deberán presentarse na explanada do Auditorio entre as 00:00 do sábado e as 02:00 horas da madrugada do domingo para inscribirse no concurso.