Turgalicia presenta 61 enclaves para o turismo ornitolóxico

A súa posición estratéxica, un dos puntos máis occidentais de Europa, fai da Comunidade galega un extraordinario lugar para o avistamento das migracións de aves mariñas. Esta riqueza avifaunística propiciou a creación dun novo recurso turístico desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Turismo, a través de TURGALICIA, o Turismo Ornitolóxico de Galicia. Este produto presenta os 61 enclaves máis significativos da Comunidade para a observación de aves, agrupados en seis categorías: humidais interiores, litoral e mar aberto, áreas agrosilvopastoriles, contornas urbanas, canóns e vales fluviais; e áreas montañosas.

Turgalicia definiu ademais os dez mellores lugares de Galicia para o avistamento de aves. Trátase do Complexo Ons-Grove; a Ría de Ortigueira e Cariño; Estaca de Bares e Ría do Barqueiro; A Limia; Oímbra, Monterrei e Verín; Serra da Enciña da Lastra; Costa da Morte; Montes de Cervantes (Os Ancares); Humidais da Terra Chá; e a Ribeira Sacra sur (Canón do Sil).