Unha palabra túa: ¡ANDA, A GALA! [J M Palmeiro]


Nunha Cousa de Castelao di o sapo: “Pensan os galos que o día vén porque cantan eles”. É unha boa cura de humildade que podemos e debemos ter presente. Por exemplo, os xornalistas e particularmente os políticos, ou  mellor, os servidores da res publica. Por un lado e polo outro abondan as actitudes marcadas pola soberbia, a falsa autosuficiencia e tampouco non faltan as desconsideracións á cidadanía, ou sexa, aos auténticos protagonistas. Será cousa de medir mellor para evitar equivocacións por parte de quenes intentamos contar o que pasa e por parte dos que aspiran a construir xa non a axenda de seu, senón, aínda por riba, a condicionar o vademecum cidadá.

Asistín e tiven a honra de participar na XIII Gala do Turismo e a Gastronomía de Galicia, abofé o maior evento intersectorial deste tipo no Fogar de Breogán, cunha organización precisa na convocatoria, na realización e na atención a cincocentas persoas. Os meus parabéns. Foi todo ben como ven sendo norma, pero quedei sorprendido diante dalgunhas relevantes ausencias institucionais da primeira área da gobernación de noso. Tan malo é pasarse como quedarse curto e non sei se a causa andivo nesta ocasión por esas beiras ou se tratou da escenificación, ou así, dunha nova entrega da apócrifa historia da estulticia.

Non sei que motivou tan chamativas ausencias. Quizais alguén sustituiu a lapela da gaivota polo disfraz, invisible xaora, de extraparlamentario para experimentar novas e descoñecidas emocións no tempo do Entroido. Ou para constatar que ninguén é imprescindible. Para saber, enfin, que o sol sae sen o noso canto, sen o da gaivota tamén, e que o mellor da Gala de onte verase na que o Grupo HG&T, co apoio de AGAXET, celebrará de hoxe nun ano. Humilde, multitudinaria e gozosamente. E sen camiños de quita e pon. Coa venia do noso señor don Álvaro Cunqueiro. Amén.

Xosé Mª G. Palmeiro