Nos inicios falabamos da mellor maneira de contarlle á xente o que á xente lle pasaba. Ou sexa, do mellor xeito de facer xornalismo. Daquela a Liberdade era unha aspiración e a Autonomía, un oscuro e lonxano obxecto de desexo desde o Finisterrae periférico. Non fai falta engadir que había carencias materiais e tecnolóxicas e case todo estaba por facer.
Coñecémonos entón e coincidimos na sempre apresurada aprendizaxe ao pé de cada medio, impreso ou audiovisual. Atopámonos mentras ordenabamos os datos, os ditos e os feitos configuradores dese relato xeral, pequena historia de cada día, que chamamos actualidade. Creo que fomos sempre conscientes dese compromiso, acrecentado pola consideración de Galicia como referencia e tarefa. Como irrenunciable significante e significado.
Galicia. Xornalismo. Xente. Onte, coma quen di, e hoxe, agora mesmo, niste recanto no que quixera descobrir algunha complicidade curiosa e interesada verbo das manifestacións e expresións poliédricas dos universos da cultura. Eso que a xente fai, mira, goza, comparte, degusta, aprende, busca…Todo eso que lle permite vivir, soñar e relacionarse.
A xente xempre. O xornalismo necesario. Galicia, célula de universalidade. As cousas que temos visto e as que nos quedan por ver. No mundo-rede, na era dixital-global, tamén con carencias materiais e tecnolóxicas, no tempo da sociedade que chaman da información e do coñecemento seguimos necesitando a palabra, a crónica do que pasa e nos pasa e a compaña dos outros para sermos e sabermos máis. Seguimos necesitando do xornalismo para a reflexión e o lecer, para a historia e a vida. Por eso o reencontro. Para empezar máis unha vez.
Un destes días heime lembrar de falar disto co meu prezado colega e amigo Guillermo Campos , inventor, entre outras cousas, de HG&T. Coa venia.
Xosé Mª. G. Palmeiro