Hai un poema de don Ramón Otero Pedrayo que festexa o espírito dionisíaco de don Francisco Fernández del Riego e canta a súa querencia por unha mesa ben
servida, a agradable compaña e a conversa demorada. Utilizo o “don” porque se trata dos nosos “patriarcas” das letras, do compromiso e do exemplo
galeguista. Da memoria de nós. Porque se alguén, sen pretendelo, herdou a fachenda sabia e gozosa do mestre de Trasalba, foi don Paco del Riego,
nacido (7-I-1913) en Vilanova de Lourenzá, na Mariña de Lugo dos meus amores.
Don Paco, case 98 anos, deixounos antes de que caera a derradeira folla de novembro, debruzado sobre o mar do Vigo, a cidade que o acolleu desde 1939. Repaso a súa biobibliografía, o seu legado desbordante de xenerosidade, intelixencia, e labourar arreo e asómbrame a súa capacidade de traballo ao servizo da Galicia que vai en nós. El resume a peripecia diste país no século XX. Estudante de Dereito en Compostela e vibrante dinamizador do Partido Galeguista, do Estatuto auroral. Combativo na clandestinidade perseguida da “longa noite de pedra”. Ponte co exilio americano, enlace con Luís Seoane, outro grande. E moi logo a Editorial Galaxia, a Fundación Penzol, a Academia Galega, o Consello da Cultura. E toda canta nobre empresa se puxo en marcha para ben da lingua, da cultura, do futuro de Galicia. Da liberdade, en suma.
Memoria de nós. Iso era don Paco e velaí a súa herdanza. Anacos de nós na documentación pacientemente reunida e clasificada. Nas cartas gardadas coma un tesouro. “Benquerido amigo e irmán”, escríbelle Castelao, e imaxínoo dirixíndose a él, no alén, con esas verbas. A un paso, a “santa compaña de inmortais galegos”. E o señor de Trasalba convidando a todos á mesa porque chegou Del Riego, de Galicia. Un brinde por él. E por nós.
Xosé Mª G. Palmeiro