Unha palabra túa: NOSO SEÑOR CUNQUEIRO [X. M. Palmeiro]


Coa venia do noso Señor Cunqueiro, don Álvaro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981). Do fabulador maior deste reino que chamamos Galicia, “deste grande reino do Fisterre, que vai desde os montes hasta o mar onde brillan os pés do vento” e que neste ano celebra o primeiro centenario do nacemento de fillo tan ilustre, dono de mil e un saberes, creador de marabillosas historias, señor das palabras. Venia para a lembranza do escritor, do poeta, do xornalista, do andador, do rezador, do vitalista amante da cociña, “ese espazo onde o home puxo máis imaxinación, moito máis que na guerra, tanta como puido poñer no amor e, sen dúbida, moitísima máis da que pon na política”.

Co permiso de Merlín e de Felipe de Amancia que fora seu paxe cando o mago vivía con dona Ginebra en Miranda e andaba pola selva de Esmelle, “que cai á man dereita vindo pra iste reino pola banda de León”. Volvo á fartura de Merlín e familia (1955) e reparo no índice onomástico. Mondoñedo: “Cidade de Galicia, sonada polos Bispos e polo cabalar das San Lucas, i onde naceu o señor Cunqueiro, que puxo en formado istas historias. É rica en pan, en augas i en latín”. Castel, mosiú: “Criado do señor Bispo de París, que trouxo a Miranda os quitasoles i o quitatrevas. Era gordo e colorado, e tiña unha perrera de flequillo que llo rizaba unha súa amiga que era mandadeira das Capuchinas da rúa des Lapíns. Tiña prometida unha misericordia con ración no coro de Sens, pro morreu denantes de recibir as menores dunha indixestión de melros encebolados”. Merlín: “O meu señor, amo e mestre, que non digo que na groria esté, porque non teño noticia de que morrese”.

O mesmo sucede, creo, co noso Señor Cunqueiro, vivo en cada palabra, historia ou verso, que cobran alentos novos na complicidade dos lectores. Palabra, pan, queixo e viño para o camiño. Por sempre, meu Señor.

Xosé Mª G. Palmeiro