A Xunta compromete o seu apoio á rehabilitación do Casco Vello de Vigo

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, na súa visita ás obras de rehabilitación das vivendas contempladas no Consorcio do Casco Vello de Vigo, anunciou que a Xunta dará continuidade ao convenio, cuxa vixencia remata este ano. Ademais dos ingresos provenientes da venda de inmobles rehabilitados, comprometeuse a dispoñer novos fondos propios da Consellería para dar continuidade ao Consorcio do Casco Vello e ao seu labor no eido da rehabilitación e posta a disposición de vivendas para os veciños desta cidade.

Reiterou que o actual Goberno da Xunta aposta por seguir impulsando a rehabilitación do casco vello, xa que é unha zona emblemática e histórica da cidade que é preciso poñer en valor para, á súa vez, xerar oportunidades de vida e de actividade económica.