
Segundo explicou o titular de Medio Rural, entre o 2009 e o 2010 o incremento da facturación foi do 21,4%, o que representa unha suba de máis de 3 millóns de euros no último ano. Samuel Juárez salientou o crecemento sostido deste sector nos últimos anos, tanto no que atinxe a superficie cualificada como a produtores e elaboradores. Así, a 31 de marzo de 2011, a superficie inscrita na nosa Comunidade é de 14.434 hectáreas, o que supón un incremento do 1,4% respecto dos datos do peche de 2009.
Canto aos operadores, o número total dos mesmos pasou de 547 en 2009 a 573 en 2010, o que representa un aumento do 4,7%. Os produtores pasaron de 469 a 484 (cun medre do 3,1%), incrementándose tamén a cifra de elaboradores (pasou de 78 a 89, un 14% máis), feito destacable, xa que é fundamental para mellorar a comercialización do produto ecolóxico elaborado.