
O Castro de Baroña é un dos xacementos arqueolóxicos máis senlleiros de Galicia, e a súa imaxe converteuse nunha icona da paisaxe representativa da costa e do patrimonio galego. Este xacemento é un dos máis visitados da comunidade e representa un dos mellores exemplos de castro dos chamados costeiros. A localización do castro sobre unha punta que se adentra no mar condiciona unhas boas defensas naturais e tamén a súa asociación cunhas formas de vida ligadas ao mar e aos recursos marítimos. O xacemento, configúrase aproveitando a morfoloxía rochosa e abrupta da península sobre a que se asenta.