Camino Triguero valora o papel das asociacións de peregrinos

A directora xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Camino Triguero, participou esta fin de semana en Perugia no XXIII Encontro Compostelán en Italia, unha xuntanza de peregrinos e especialistas xacobeos chegados dende todos os lugares de Italia. Esta reunión, que se realiza todos os anos, coincidiu coa celebración do trinta aniversario da Confraternita di San Jacopo, a confraría de peregrinos organizadora do encontro que foi fundada en 1991 por Paolo Caucci con Saucken e que hoxe conta xa con 1.600 membros repartidos por todo o territorio italiano.

Camino Triguero recordou o enorme valor que “asociacións e confrarías de peregrinos teñen para a pervivencia da peregrinación a Santiago de Compostela”. A directora xerente cualificou a estas asociacións como “as auténticas embaixadas xacobeas en Italia, porque informades e acreditades aos peregrinos, revitalizades as vías de peregrinación, atendedes a voluntarios e hospitais de Italia e España, e sobre todo, peregrinades a Compostela transmitindo o voso entusiasmo por Santiago, Galicia e o Camiño”.