
Tamén na provincia de Pontevedra, pero no concello de Ponte Caldelas, celébrase a Festa da Troita, na que está previsto que se repartan oitocentos kilos de peixe. Esta é xa a cuadraxésimo quinta edición da festa, na que un dos actos principais é o concurso de pesca no río Verdugo. O prezo da ración mantense, sendo de tres euros o prato de troita fritida ou en escabeche, acompañada de pan e viño.
Trasladámonos a Lugo para dar conta de dúas citas de interese. Por unha banda, en As Nogais celébrase a sexta edición da Feira da Empanada e Produtos dos Ancares, organizada polos empresarios locais. A feira arranca o domingo ás 10.30 horas coa apertura dos postos nos que se poderán adquirir todo tipo de produtos artesáns. A degustación comezará ás 13.30 horas.
Por outra banda, a cooperativa de produtores de porco celta de Goó (O Incio) organiza este domingo unhas xornadas de degustación gastronómica deste produto, ás que está previsto que acudan arredor de 300 persoas. Hai que mercar unha entrada para acudir, a un prezo de 30 euros. O menú consistirá nuns entrantes de porco celta, seguidos dun completo cocido, sobremesa e bebidas. A cita servirá para renderlle unha homenaxe á cantante Lucía Pérez, veciña dese concello.