A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou os modelos de ficheiros que deben cubrir as empresas para adherirse á plataforma de comercio electrónico que o organismo provincial puxo en marcha o 20 de maio cunha oferta inicial de 100 produtos e 16 empresas, dentro do programa Innova-TE, cofinanciado nun 70% por fondos FEDER.
Na actualidade, xa son 22 as firmas que ofrecen os seus produtos en Internet, en total 130, é dicir, a presenza de empresas e dos seus servizo aumentou en máis dun 30%. Grazas a esta iniciativa, o organismo provincial abre unha nova canle de venda, o que lles axuda ás empresas a subir o volume de beneficios e a manter e aumentar os empregos. Un exemplo da repercusión que pode ter a venda on line na actividade dunha empresa o caso de Bicicletas Guillermo, unha firma monfortina que factura o 70% das vendas a través deste sistema.
As novas empresas adheridas son as seguintes: Dulce María Barro (Vilalba); E-scola (formación on line e a distancia), Óptica de La Torre e Peletería Lucus (Lugo); Casa Solariega de Cervantes; e restaurante Río Lea (Castro de Rei). Ademais, xa están cargadas na plataforma outras catro, pero non visibles porque aínda non presentaron toda a información: Avifauna, situada en Outeiro de Rei; perruquería Eduardo Souto e Lualco (alimentación e embutidos), en Lugo; e Queixería Valado, en Vilalba.
Por outra banda, outras 29 empresas, fundamentalmente do ámbito alimentario, xa se puxeron en contacto coa Deputación para solicitar información sobre este primeiro centro comercial virtual de toda a provincia, no que o organismo provincial invistiu 630.000 euros dentro do programa tecnolóxico e co que contribúe, por medio das novas tecnoloxías, ó desenvolvemento económico de Lugo e á promoción empresarial.