Tyales Veiga, campión galego de Sumilleres


Tyales Veiga (Vigo) será o representante galego nas principais probas de sumilleres nacionais ao proclamarse esta tarde en Pontevedra campión galego, nunha proba organizada pola Asociación Galega de Sumilleres (Agasu) en colaboración coa Organización para os Campionatos de Promoción das Profesións da HG&T.

Xunto a el situáronse no podio Marina Cruces (Tui), que obtivo o subcampionato, e Eva Pizarro (Santiago) que foi terceira.

Durante toda a xornada –pola mañá na semifinal e pola tarde na gran final- os aspirantes demostraron as súas habilidades na identificación e servizo do viño ante un xurado composto por profesionais internacionais e que estivo presidido polo máximo responsable de Agasu, David Barco. Xunto a el formaron parte do equipo avaliador Nacho Costoya, bi-campión de España de Xefes de Sala-Maitres; José Vicente Gómez, presidente de Amaiga; José Augusto Moreira, crítico de viños –Porto-; José Manuel García, condutor do programa 'Come e fala' da Radio Galega; Carlos Portela (Agasu); Antonio Portela (Agasu); Verónica Villa (Centro Aloya); Juan Manuel Sánchez (Centro Manuel Antonio); Pedro Villamarín (Agasu); Xurxo Rivas (Gallaecia); César Ballesteros, vicepresidente de Feprohos; Óscar Cidanes, Campión Galego de Sumilleres en 2010; Xoan Cannas, Nariz de Oro; João Paulo Vitorino, especialista en viños –Portugal- e João Guterres, de Aromas do Vinho e Cavaleiro do Vinho do Porto.

A proba celebrouse na sede do Consello Regulador da DO Rías Baixas e contou, finalmente, coa participación de 21 aspirantes dos 22 que foran inicialmente admitidos. Trala semifinal celebrada pola mañá chegaron á fase final cinco aspirantes: Tyales Veiga, Natividad Garrido, Marina Cruces, Eva Pizarro e Daniel Rafael Marín. Os tres ocupantes do podio recibirán os seus premios na próxima edición da Gala do Turismo e a Gastronomía de Galicia, que se celebrará na primavera de 2012.

O Campionato, que estivo patrocinado por Turismo do Concello de Pontevedra e o Consello Regulador da D.O. Rías Baixas, e que contou coa colaboración da distribuidora Tomás Fernández, coincidiu coa celebración dun press trip no que participaron xornalistas especializados do cuadrante noroeste ibérico.