Un futuro para o Castelo de Pambre

A Plataforma Social pola Defensa do Alto Ulla e a Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar das Donas “Os Lobos” convidan á cidadanía a aportar ideas para o futuro do Castelo de Pambre. Para isto, organizan unha mesa redonda que se celebrará o sábado ás 18.00 horas na Casa da Cultura de Palas de Rei.

Os colectivos convocantes consideran que o futuro do Castelo de Pambre “pasa por un debate democrático no cal non só participen as institucións públicas, senón tamén os veciños, asociacións e cidadáns que queiran dar a súa visión ou idea sobre o que se debe facer neste espazo”. Segundo sinalan, está confirmada a presenza dun representante da Consellería de Cultura e Turismo así como o alcalde de Palas, Pablo Taboada; Antonio Roma, fiscal especial de Patrimonio e Delitos Urbanísticos do TSXG; o profesor Xerardo Pereiro e o ex director xeral de Turismo, Rubén Lois.