Viaxes ao espazo, un reto non moi lonxano

Veñen de cumprise dez anos dende a primeira viaxe ao espazo con fins puramente turísticos e os expertos din que aquel soño do millonario ruso Dennis Tito pode ser unha realidade máis ou menos estendida nesta mesma década. Para aqueles que padezan claustrofobia -por moi paradóxico que resulte, tratándose do espazo exterior-, este tipo de viaxes poden ser unha tortura chinesa pero para o común dos mortais -do que, definitivamente, non formo parte- deben de ser unha experiencia única e irrepetible. O de irrepetible enténdese (cos pés na Terra) polos prezos que acadan estas excursións pois a máis económica non baixa dos 4.000 euros, e só posibilita experimentar a sensación de gravidade cero, pero non pasa de ser un voo parabólico nun Airbus. As tarifas soben a partir de aí, dependendo das características e duración das viaxes, ata os 150 millóns de dólares que custa realizar un percorrido arredor da Lúa. Trátase dun novo produto que está á espera de completar a pasaxe: na nave van o comandante e dous turistas e, ata o momento, só hai unha reserva. Xa ven, os cartos non evitan os retrasos, incluso nas viaxes interestelares...

Se a súa economía non lles permite afrontar esta última proposta, existen no mercado outras moitas opcións de viaxes ao espazo exterior como a da empresa Virgin Galactic, que prevé transportar en 2012 a uns 500 turistas; a de Excalibur Almaz ou a de Space Adventures, que estima que para 2020 terá transportado a 140 pasaxeiros ao espazo. Dende Cataluña, a empresa zero2infinity oferta para 2015 viaxes en globo ata 36 kilómetros sobre a Terra a un prezo de 110.000 euros. Lonxe quedan os 20 millóns de dólares que pagara Tito... Mentres o pensan, ¿vai un martini?


Martina Vicente