A Consellería do Mar porá en marcha este mesmo mes un sistema de reinstalación de moluscos procedentes das zonas catalogadas como C que se estima que permitirá recuperar en Galicia unha produción dunhas 450 toneladas anuais máis de moluscos bivalvos que xerarían arredor de 6 millóns de euros de valor no mercado. Son as estimacións ás que se referiu esta mañá a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a presentación que realizou aos representantes de todas as confrarías galegas da nova zona na que se reinstalará temporalmente o molusco bivalvo vivo e que está ubicada na Mariña lucense, dentro do termo municipal de Xove.