Rock a esgalla no Ferstixeve

Este fin de semana, 30 e 31 de xullo, o Campo de Vilar de Fragoso acollerá un ano máis o Festixeve, organizado pola Asociación Recreativa de Xeve e patrocinado pola Concellaría de Festas. Neste festival, apóstase polas bandas galegas de rock, ska e novos xéneros que se están consolidando na actualidade.


O sábado día 30 estará orientado fundamentalmente á mocidade, con actividades dirixidas a este sector, como son os concertos. Comezarán ás 22:30 horas cos grupos: Ulträqäns, Os Tres Trebóns e Cuchufellos. Ulträqäns cultiva xéneros de música alternativos como o steampunk ou o speed-folk. Nace coa idea de darlle outra volta ao estilo musical do novo milenio, forxar un son orixinal e non catalogable que provoque baile e xolda no público. De Coruña veñen Os Tres Trebóns, cuxo acordeonista e vocalista é o coñecido Xurxo Souto, anterior líder da banda de rock galego Os Diplomáticos de Monte-Alto. Por último, actuará a banda Cuchufellos, que ten como obxectivo facer de cada concerto unha auténtica festa.

O domingo 31, derradeira xornada do Festixeve, é considerado o día grande da festa. Pola mañá darán comezo distintos xogos populares, exposicións culturais, así como outras actividades para nenos (contacontos, inchables), etc.