700.000 euros para mellorar a xenética da frisona

A Consellería do Medio Rurale Xenética Fontao rubricaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Programa de Mellora Xenética da Raza Frisona en Galicia 2011-2014, por un importe de 700.000 euros. Este acordo enmárcase na importancia da selección xenética para o sector lácteo da nosa Comunidade, un eido produtivo que acada un valor estratéxico para o medio rural galego, ao representar o 30% da produción final agraria e o 50% da produción final gandeira. Así, con este convenio garántese o mantemento da xenética do frisón na elite europea, a través dunha colaboración que, coa participación de Xenética Fontao, permite situar aos gandeiros como principais protagonistas do proceso de mellora.


Xenética Fontao consolidouse, desde a súa creación, como un actor fundamental na mellora gandeira de Galicia, a través da xestión do centro de sementais, do banco de xermoplasma e coa prestación de servizos de biotecnoloxía do ADN. A partir de agora colaborará directamente no desenvolvemento do Programa de Mellora Xenética de Frisón, por ser a única entidade de Galicia con capacidade para producir e achegar doses seminais de alto mérito xenético a todas as ganderías galegas, implicándose particularmente nas actividades de transferencia embrionaria.