Mía incautacións da Consellería do Mar

O Servizo de Gardacostas, dependente da Consellería do Mar, en colaboración cos axentes da Policía Autonómica, levan realizadas, no que vai de ano, un total de 9.480 inspeccións, das cales 2.264 foron realizadas en establecementos, restaurantes e supermercados.


Isto deu como resultado un incremento no número de comisos de máis do 115% respecto do mesmo período do ano pasado. Dende xaneiro ata finais de xullo de 2011, o Servizo de Gardacostas de Galicia requisou un total de 58.565 quilogramos de diferentes especies entre as que se atopan, na súa maioría, ameixa babosa e xapónica, polbo, centola, nécora, pescada e xarda, fronte aos 27.024 quilogramos requisados nos primeiros meses do ano anterior.

A Consellería do Mar incrementou en 511 o número de inspeccións totais (o ano pasado foron 8.969 ata finais de xullo) e aumentou en 397 o número das inspeccións realizadas especificamente en establecementos, restaurantes e supermercados ao longo deste ano, pasando de 1.867 realizadas en 2010 – de xaneiro a xullo- a 2.264 no que levamos de 2011. Unhas inspeccións que contaron coa colaboración da Policía Autonómica dentro da estratexia da Xunta de atacar a todas as vías posibles de práctica desta actividade ilegal. Ademais, dende xaneiro deste ano lévanse desenvolvidos 70 operativos especiais en conxunto coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, 24 máis que o ano pasado.

O número de incautacións dende xaneiro deste ano ascende a un total de 17.814 útiles, cifra moi aproximada á de 2010 neste mesmo período no que se levaban requisados 18.075 útiles que supuxeron un incremento de máis do 85% en comparación co ano 2009. Así, a Consellería do Mar, pon de manifesto o seu compromiso coa persecución do furtivismo atacando o problema en todos os seus eidos e facendo especial fincapé na orixe.