Samuel Juarez visita Adegas Guímaro

O Conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, visita hoxe as instalacións da Adega Guímaro, pertencente á Denominación de Orixe Ribeira Sacra. A Adega, situada no concello lucense de Sober, está a vivir unha importante expansión, tanto en superficie de viñedo de produción propia como en viños de diferentes tipos. A día de hoxe, a súa produción rolda os 70.000 quilogramos de uva propia, cultivadas nunha superficie de 8 hectáreas. Samuel Juárez salientou na súa visita a esta adega a importancia de investir en tecnoloxía como fórmula para mellorar a súa competitividade en particular, e extensivo a todo o sector vinícola, en xeral.


Un dos obxectivos desta Adega é a súa expansión comercial, facendo especial fincapé na proxección internacional. Na actualidade, Guímaro xa exporta o 30% da súa produción fóra de España, repartida entre Europa, América e Xapón. Esta expansión vén determinada, en boa medida, polas diversas inversións e proxectos de mellora acollidos ás axudas da Consellería do Medio Rural, grazas ás que se construíu un novo edificio de usos múltiples, que permitiu dotar á adega dunha maior superficie para o desenvolvemento do seu traballo, así como dunha mellora da funcionalidade e produtividade.