Seguen as Visitas máxicas na Cidade da Cultura

A Cidade da Cultura de Galicia amplía aos domingos de setembro e outubro o programa Visitas Máxicas ante a excepcional acollida desta actividade, na que se cubriron sempre todas as prazas. Dirixida a un público familiar, a través desta iniciativa os participantes descobren os edificios e espazos do Gaiás da man de magos e ilusionistas. Aínda que inicialmente estaba previsto que rematasen o pasado domingo, as visitas continuarán tamén os domingos 4, 11,18 e 25 de setembro, así como os días 2, 9, 16, 23 e 30 de outubro. Estas visitas, que se celebran ás 12,00 e ás 18,00 horas, son de balde, aínda que é preciso reservar praza na web www.cidadedacultura.org. Existe un máximo de 30 persoas por grupo.

Coa axuda dos magos Vituco, Martín Camiña ou Romarís e guiados polo excéntrico presentador de circo François Lafayette (alter ego do mago Cayetano Lledó), os participantes percorrerán a Cidade da Cultura, nun ruta sorprendente con números de escapismo, de levitación ou de multiplicación de obxectos que farán da súa visita ao Gaiás unha experiencia inesquecible.