
Os relatorios da primeira xornada abrangueron a dimensión de Cunqueiro nos medios de comunicación, particularmente na súa columa “El envés” na última páxina do xornal “Faro de Vigo” (Monserrat Mera) e na revista “Destino” (comunicacións de Juan Miguel Ribera, María Victoria Navas e Carmen Mejía). Houbo achegas á biografía cunqueiriana (Xosé Luís Franco Grande, Xosé Manuel Dasilva e Rexina Vega). Sobre as artes plásticas e escénicas e o seu diálogo con Cunqueiro falaron Afonso Becerra e Inma López Silva. Xosé Luís Janeiro Espiñeira e Beatriz Vázquez Rosales xunto con Luís Rodríguez Ennes e Luísa Blanco Rodríguez aventuráronse polas fórmulas e as ideas xurídicas de Cunqueiro.
A primeira xornada do congreso concluiu coa conferencia “Alvaro Cunqueiro, unha mirada holística”, que pronunciou o profesor Anxo Tarrío, da Universidade de Santiago de Compostela, no Salón Nobre de Fonseca.