Traballarase durante catro días en Viveiro e a continuación, o luns 3 de outubro, comezarán as prospeccións dos buzos na ría de Ribadeo nos puntos que segundo as fontes documentais existen restos de carácter patrimonial. Está previsto realizar unha inspección visual da Fragata Magdalena (1809), Bergantín Palomo (1809), Galga Andaluza (1719) e San Francisco (1719); destes catros pecios, só do primeiro se posúe a localización exacta, dos outros tres hai referencias documentais aproximadas.
Durante os anos 70 do século XX diferentes expedicións encabezadas por mergulladores da Armada rescataron un número indeterminado de restos do lugar do naufraxio depositando moitos deles no Museo Naval de Ferrol.