A Xunta respalda economicamente a proposta de Feiraco para Clesa

A Xunta apoiará economicamente a proposta do grupo de cooperativas galegas liderada por Feiraco para dar viabilidade á planta de Clesa. O Goberno galego considera que este é o plan “máis solvente e realista desde o punto de vista técnico, económico e de mantemento dos postos de traballo”. Para levalo adiante, a Xunta achegará 4,5 millóns de euros procedentes de Xesgalicia e o Igape. Pola súa banda, as once cooperativas, que se agrupan baixo o nome de Agrupación Láctea Cooperativa achegan 2,07 millóns de euros.

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, destacou que respaldando esta proposta “cúmprese un compromiso da Xunta de Galicia con Clesa e os seus traballadores”. Asegurou o conselleiro que foron claves á hora de tomar a decisión “a seriedade, profesionalidade e experiencia que ten demostrado o grupo, así como a capacidade do seu plan de negocio, que non só servirá para manter a planta de Clesa senón que a potenciará e a fará máis competitiva, potenciando o tecido empresarial galego”.

Ademais do mantemento da produción, a proposta encabezada por Feiraco inclúe novas liñas de produtos e proxectos de innovación e mellora da competitividade a medio prazo.