
Na súa intervención, Carmen Pardo fixo un balance do plan, iniciado fai catro anos e no que colaboran a Secretaría Xeral para o Turismo, a Secretaría General de Turismo y Comercio Interno e a Mancomunidade Terras de Pontevedra e no que se engloban un total de oito concellos: Barro, Campo Lameiro, Cotobade, Marín, Poio, Pontecaldelas, Pontevedra e Vilaboa. Na realización do plan tamén colaboraron o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Pontevedra e a Asociación de Turismo da Comarca de Pontevedra.
A secretaria xeral para o Turismo asegurou que, despois de catro anos de traballo e un investimento total de 4 millóns de euros, os obxectivos cos que naceu o plan “foron totalmente alcanzados”. Entre estas metas estaban o aumento da calidade dos servizos turísticos do destino, a mellora do medio urbano e natural dos concellos, a ampliación e mellora dos espazos de uso público, a posta en valor dos recursos naturais, a creación de novos produtos e a sensibilización da poboación e dos axentes locais.