Mar presenta un recetario de novidosas propostas con troita

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na Coruña na presentación dun recetario con 12 propostas novidosas e sinxelas coa troita como ingrediente base. Esta acción forma parte do convenio de colaboración da Consellería do Mar coa Asociación Nacional de Produtores de Acuicultura Continental e busca dar a coñecer as variedades culinarias que ofrece esta especie e ampliar coñecementos sobre os seus beneficios nutritivos.

As receitas son propostas do chef Eduardo Pardo, do Grupo Nove, e serán difundidas a través dos 7.500 exemplares deste recetario que se distribuirán en grandes superficies comerciais, mercados e feiras a través de acordos de colaboración con diferentes organizacións como asociacións de amas de casa, de consumidores, minoristas de peixe e hostaleiros. Ademais o libro de receitas tamén inclúe información sobre os beneficios nutritivos da troita, unha especie cun alto contido en ácidos graxos omega3, bos para previr enfermidades cardiovasculares e reducir a hipertensión.

Durante o acto de presentación, a conselleira do Mar describiu esta publicación como unha ferramenta eficaz para a promoción do consumo de produtos pesqueiros e da acuicultura como a troita e destacou a importancia de contar con verdadeiros profesionais da cociña, en accións coma esta, xa que segundo dixo é un aliciente para difundir a calidade dos produtos da pesca e da acuicultura de Galicia. Trala presentación, os asistentes puideron degustar as propostas incluídas no recetario, entre elas, coca de troita con cebola caramelizada e xamón crujiente, troita marinada express con vinagreta de froitos secos, empanada galega de troita e pementos asados, sopa de millo con troita e lasaña de troita e verduras asadas.