
Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo destacou a importancia da creación en 1991 da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, que permitiu desenvolver nestes 20 anos “un proxecto que fai fincapé na cultura, no intercambio, na tolerancia e no respecto”. Segundo Varela, o Xacobeo xoga un papel fundamental na promoción de Galicia e na conservación e posta en valor do Camiño de Santiago, “demostrando ser un proxecto concibido para durar no tempo”.
Por outra banda, Turgalicia presentará esta semana a oferta turística do Camiño en Estados Unidos nun seminario online que permitirá o contacto a través de Internet con operadores turísticos especializados en Turismo cultural para a promoción da Ruta Xacobea. Así, manterase unha comunicación online coa Oficia de Turismo de España en Nova Iorque mediante a que os responsables de Turgalicia farán unha presentación do Camiño e as súas posibilidades turísticas.