A Consellería do Mar pón de manifesto o seu compromiso co sector acuicultor galego ao destinar 16 millóns de euros a axudas para este colectivo. A Xunta persegue, a través destas subvencións, potenciar a súa competitividade, promovendo así o desenvolvemento económico, social e produtivo da nosa comunidade. O Diario Oficial de Galicia publicou esta convocatoria de axudas hoxe e ao longo desta semana tamén recolleu outras convocatorias como as axudas ao sector transformador e comercializador, á paralización definitiva dos buques, de rendemento enerxético dos buques e de modernización da flota,as achegas ás organizacións de produtores pesqueiros (OPPs) e as de carácter socioeconómico. Todas elas contan co financiamento do Fondo Europeo da Pesca.
Os proxectos susceptibles da subvención á acuicultura son os investimentos para a construción, ampliación, equipamento e modernización de instalacións de acuicultura, actuacións encamiñadas á diversificación cara a novas especies ou produción de especies con novas perspectivas de mercado. Tamén son os proxectos dirixidos á mellora das condicións e da seguridade no traballo e aqueles métodos de produción que contribúan a protexer e mellorar a conservación da natureza. Os investimentos para a construción ou modernización de embarcacións auxiliares de acuicultura tamén poderán acceder a estas achegas. O prazo de solicitudes é ata o 31 de xaneiro de 2012.