Pontevedra fomenta as visitas ao Centro de Interpretación das Torres Arcebispais

A Concellaría de Patrimonio Histórico continúa nesta fin de semana coas visitas guiadas gratuítas para grupos ao Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) con motivo do seu primeiro aniversario. O obxecto destas xornadas é que as entidades sociais e a cidadanía en xeral poidan visitar con acceso gratuíto a este equipamento cultural integrado na rede de espazos arqueolóxicos do Centro Histórico de Pontevedra. As xornadas de portas abertas tamén se desenvolverán na vindeira fin de semana, e aínda quedan prazas libres.

As xornadas de portas abertas do CITA comezaron o pasado 2 de decembro cun gran éxito de público, tendo en conta que as visitas teñen unha duración dunha hora e un máximo de aforo, en cada unha delas, dunhas 20 persoas. Ata o de agora visitaron estes achádegos arqueolóxicos máis de 550 persoas, tanto a título individual como colectivos.