As institucións galegas, satisfeitas coa súa presenza en Fitur

Seguen a coñecerse balances oficiais da última edición de Fitur. Neste caso é a Xunta a que valora a súa presenza na feira, salientando que foi un “éxito”. O Goberno galego indica que ao longo dos cinco días de Fitur, sucedéronse os encontros profesionais e distribuíronse máis de 150.000 unidades de folletos e outro material de promoción turística de Galicia.

No tocante ás visitas institucionais, o stand de Galicia recibiu á ministra de Fomento, ao ministro de Agricultura e Pesca e a varios alcaldes, ademais do presidente da Xunta.

Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra indica que pasaron polo seu stand 70.000 persoas. As presentacións celebradas prolongáronse durante 2,5 horas, coa presenza de ata 17 alcaldes. Visitaron o stand os Príncipes de Asturias e os ministros antes citados. A Deputación valora como “un acerto” o feito de asistir a Fitur con Turgalicia –algo que non pasaba nos anos anteriores-, “polo aforro, por centralizar esforzos e aproveitar sinerxias e pola altísima repercusión mediática”, entre outros.