A Deputación da Coruña achega 100.000 euros ao Plan de Competitividade Turística de Ferrol

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey, e o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinaron o convenio que formaliza o investimento provincial no Plan de Competitividade turística que desenvolve a Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol. Este Plan ten como principal obxectivo impulsar todos os aspectos relacionados coa promoción do turismo, un obxectivo que comparte coa institución provincial que, unha vez máis, mostra o seu interese por apoiar sectores estratéxicos para a provincia.

O obxectivo é, non só promover os recursos xa existentes, senón tamén xerar novos produtos. Para este fin, o organismo presidido por Diego Calvo achegará 100.000 euros, correspondentes ao 80% do presuposto total co que contará este proxecto. "O turismo é un importante xerador de riqueza e emprego para Ferrol e para toda a provincia. Temos recursos máis que suficientes para ser un destino turístico atractivo. Por iso, é vital que as institucións nos impliquemos e xoguemos un papel clave na promoción deses recursos", asegurou Calvo.